Thursday 09 de May de 2024

Ribeira inicia o mes da igualdade cunha mostra colectiva de 33 mulleres artistas locais


O Centro Cultural Lustres Rivas quedou pequeno para acoller a tódalas persoas que se achegaron á inauguración da mostra colectiva “EmpoderArte”, unha colección de pezas artísticas -pintura, escultura, xoiaría, téxtil, etc- realizada por 33 artistas locais.

A concelleira de Cultura, Antía Alberte, foi a encargada de abrir a xornada lembrando a Carmiña Romero unha ribeirense nacida en 1925 membro dunha familia traballadora que tiña vocación artítica, unha vocación truncada pola Guerra Civil pero que logo desenvolveu no téxtil tendo ao seu cargo a un nutrido grupo de mulleres que realizaban confeccións. Sobre a súa historia inspiráronse as outras artistas ribeirás para facer a mostra.

“A contemplación de pezas artísticas non debería ser unha mera observación, debería ser un feito que incitara á reflexión e ao pensamento crítico”. A concelleira fixo fincapé en que a arte non sempre gusta, e iso é bo. “O fío condutor da historia de Carmiña xunto con todas as mulleres que compoñen esta mostra invita a cuestionar a importante relación entre as mulleres, os coidados e as imposicións sociais.” explicou Alberte.

Pola súa banda, o rexedor Luís Pérez, parabenizou a todas as artistas por achegar unha visión do mundo “única e irrepetible” e sen as cales non tería sido posible ter realizado esa fabulosa mostra. “Sirva esta mostra para poñer fin tamén a unha historia de esquecemento, de invisibilidade e de silencio sobre todo o traballo das mulleres” declarou.

Pérez Barral comprometeu o traballo do Concello de Ribeira a traballar non só para que a xente poida admirar esas obras de arte feitas por mulleres ou a facer actos simbólicos, senón que se comprometeu a impulsar políticas decididas a prol da igualdade.

No acto estiveron o tenente alcalde Vicente Mariño, as concelleiras Cruz Rivadulla e Veva Betanzos e as artistas que integran a mostra: Ainhoa Pérez, Amparo Fuentes, Beatriz F. Ferrín “Augarela”, Carmen Sampedro, Cristina Rey, Ester Rincón-Benzalá Fernández, María Goretti Bello, Iria Pérez Rial, Jenny G.C., Luz Angélica García Mariño, Maika García Paz, Maite S. Cortés, Maralla, Marijo Sampedro Arnoso, Matusa Del Río Paz, Mónica Montero, Natalia Arnoso Carcía, Pilar Abal, Pilar Ageitos Fuentes, Pura Villa Martínez, Raposiñas, Rebeca Novo Castro, Rosa María Suárez García, Rosario Palacios “Orive”, Sara Maneiro, Sofo Rivas, Susana Ponce Martínez, Teresa Argibay, Teresa Ramallo, Uxía Fernández “Maruxía”, Vero Leis e Violeta Iglesias Maneiro.

As actividades seguirán ao longo de todo o mes de marzo con obradoiros, contacontos e unha homenaxe ás mulleres artistas do Concello de Ribeira.